

Coñecer a quen fará posible a experiencia Celta360 é tamén unha maneira de coñecer o propio proxecto. Por iso, desprazámonos ata Santiago de Compostela para conversar con Fran García, fundador de SmartRental Group, a compañía que xestionará a residencia e o coliving de Celta360. Para falar con el, decidimos quedar nun lugar moi especial: a residencia Lemonade Santiago, a primeira residencia de estudantes que SmartRental puxo en marcha a nivel estatal. Ademais, fíxoo na súa cidade natal e, sen dúbida, pode servir como referencia do que se vai proxectar no ecosistema Celta360.
Pregunta: Como se define Fran García e a empresa SmartRental?
Resposta: SmartRental nace como a idea dun rapaz que quere emprender. Xorde a idea de introducirnos no mundo do hospitality, xa hai 15 anos, e todo naceu coa intención de facer unha hospitalidade máis moderna, máis próxima ao cliente e máis adaptada ás necesidades reais das novas xeracións. E iso é, en boa medida, no que nos convertemos hoxe: acompañamos todos os nosos clientes ao longo de todas as etapas da súa vida, creando produtos de convivencia e confort. E Fran García é un emprendedor, un rapaz que empezou hai 15 anos con esta ilusión e que continúa con moita ilusión intentando crear produtos que transformen a sociedade, os negocios e a hospitalidade, principalmente. Bos exemplos son os dous que temos aquí en Galicia: a residencia Lemonade en Santiago de Compostela e a que imos ter en Celta360, que son exemplos de transformación do mundo da hospitalidade e que acompañan as novas xeracións.
P: Naciches en Santiago de Compostela, aínda que a túa traxectoria empresarial se desenvolveu principalmente en Madrid. Que significa para ti volver desenvolver proxectos en Galicia nesta etapa da túa vida?
R: Para min ten un importante compoñente emocional e xérame moitísima ilusión. O primeiro proxecto que iniciei en Galicia é este no que estamos agora facendo esta entrevista, aquí en Santiago de Compostela: a residencia Lemonade. E non só é que eu nacese en Santiago de Compostela, senón que nacín neste mesmo edificio onde hoxe se atopa Lemonade. O que hoxe é Lemonade antes era o Hospital Xeral de Galicia, onde eu nacín. Ademais, vivín aquí, neste barrio compostelán, durante moitos anos e para min é unha enorme ilusión, máis alá de que tamén é un proxecto empresarial de moitísima calidade, exactamente igual que o que estamos a desenvolver en Celta360. O que se formula desde o Celta no ámbito residencial é un produto da máxima visión, da máxima calidade, e que nos desen a oportunidade de unirnos a ese proxecto é unha enorme ilusión e un compromiso moi grande.
P: A dimensión desta primeira residencia en Santiago, Lemonade, é aproximadamente a mesma ca que se proxecta en Celta360, con 400 prazas. Que grao de ocupación tivo Lemonade no seu primeiro ano?
R: Nós estivemos practicamente cunha ocupación total durante a tempada de estudantes e xa estamos comercializando a seguinte. Levamos un ritmo de reservas moi acelerado e moi positivo, o que supón un bo indicador para ter en conta cando empece a funcionar a residencia de Celta360.
P: Cal foi o volume de negocio xerado en Lemonade? Para telo como referencia cando comece a funcionar a residencia e o coliving de Celta360.
R: Se falamos de volume de negocio, máis que falar de cifras, gústame dicir que xeramos entre 25 e 30 novos postos de traballo directos aquí en Santiago de Compostela co proxecto de Lemonade. E moitos máis, diría eu, se falamos dos postos indirectos. Estamos colaborando con moitas empresas locais e de proximidade, cun nivel de colaboración moi, moi importante, polo que estamos encantados co proxecto. Cremos que transformou en certa medida Santiago, pero sobre todo a zona do barrio de Galeras. Co desenvolvemento deste proxecto mellorou moitísimo a contorna deste barrio e vai pasar o mesmo co proxecto Celta360. Cando se desenvolva toda a zona onde estará situada a residencia e o coliving, apreciarase unha transformación e un cambio enorme para a comarca.
P: Agora dades un paso máis para convertervos nun dos operadores de Celta360. Que vos fixo pensar que este era un proxecto no que SmartRental tiña que estar?
R: Cando coñezo o proxecto Celta360, o primeiro que vexo é un proxecto de vangarda, un proxecto de futuro, moi pensado para liderar o mercado de hospitality durante os próximos 30, 40 ou 50 anos.
O segundo que me gustou foi o equipo directivo do Celta. A ilusión coa que Carlos Cao e Marián Mouriño me explicaron o proxecto fíxome sentir que tiña que formar parte del, porque desde o Celta transmítese unha visión moi semellante á que eu podo ter en SmartRental. O agarimo co que levan o club, xunto coa idea de cara a onde queren chegar, xa lles está servindo para transformar moitas cousas. A nivel empresarial, que o Celta nos permita unirnos a este proxecto é un luxo e un compromiso. SmartRental debe estar á altura e intentar demostrar a experiencia que temos na xestión de negocios de hospitality, para achegarlles o valor engadido que necesitan.
P: En Celta360 non se fala unicamente de construír habitacións, senón de crear un lugar onde convivirán deporte, formación, innovación e comunidade. Que encaixa desa visión coa filosofía de SmartRental?
R: Iso é precisamente polo que levamos loitando nos últimos cinco ou dez anos. Esa visión que comentas é o máis importante neste negocio. Haberá lugares de maior ou menor calidade, pero a clave está en crear unha experiencia real e unha comunidade que faga que as persoas medren e evolucionen.
O proxecto Celta360 pono moi doado nese sentido. En Celta360 únense formación, deporte, mocidade, produto… Polo tanto, todo conforma un ecosistema perfecto, que é xusto o que está a demandar a sociedade. Benestar, deporte, formación, relacións, experiencia, comunidade, natureza… E iso é precisamente o que nos ofrece o produto Celta360. Ademais, está asociado a unha marca de prestixio nacional e internacional como o Celta, polo que, desde o meu punto de vista, o éxito está asegurado.
P: A vosa residencia en Santiago, Celta360 como Proxecto de Interese Autonómico… Cres que Galicia está a vivir un momento especialmente atractivo para atraer talento e investimento?
R: Eu creo que si. Estes dous proxectos, Lemonade e Celta360, son un exemplo. E cada vez hai máis interese de empresas importantes por vir aquí facer negocios. Galicia téñoo todo: ten natureza e é un lugar realmente auténtico. Ten mar, ten infraestruturas que permiten desprazarse, chegar e moverse dun xeito moi sinxelo, e cada vez está máis aberta a atraer persoas de todo o mundo. Hai empresas que todos coñecemos, referentes a nivel mundial, que están a atraer todo tipo de perfís e fan que a comunidade se enriqueza cada vez máis.
P: As empresas falan cada vez máis do impacto no territorio. Que responsabilidade ten unha compañía como Smart Rental cando desembarca nunha comunidade como Galicia?
R: Pois tes o compromiso e a responsabilidade de intentar facelo igual ou mellor do que xa fixeches fóra de Galicia. Ese é o reto engadido, porque vés á túa terra e tes o compromiso de facer as cousas ben. Como dixen antes, incluso mellor do que as fixeches noutros lugares. Confiamos moito en nós mesmos, pero si que existe ese compromiso adicional de facelo ben.
P: Se tiveses que convencer un estudante internacional ou un profesional para vir vivir a Galicia, que cres que ofrece esta terra que non se atopa facilmente noutros lugares?
R: A ver, hai moitos lugares moi bos en todas partes, pero Galicia é un lugar auténtico. Dentro de España hai moitos sitios, pero Galicia é un dos mellores, un deses lugares auténticos nos que entras e xa percibes unha cultura absolutamente espectacular. Nesta comunidade autónoma podes facer absolutamente de todo. Tes oportunidades, tes xente nova, tes talento… Eu creo que en Galicia tes todo para que sexa un lugar perfecto onde desenvolver a túa vida durante uns anos ou instalarte aquí, coas mesmas posibilidades que podes atopar noutros lugares.
E, como dixen antes, no que respecta ás comunicacións e ás infraestruturas, que tamén é un aspecto importante, estamos moi ben dotados. Temos tres aeroportos con múltiples conexións que che permiten desprazarte a onde queiras, polo que me parece un lugar con moitísimo futuro.
P: Que cres que pode achegar SmartRental a Celta360 e que cres que Celta360 pode achegar tamén a SmartRental?
R: Celta360 achéganos todo. É un produto de vangarda. É unha oportunidade moi grande para SmartRental de sumarse a un proxecto líder que combina hospitalidade, deporte, benestar, formación… Ademais, creo que ese é precisamente o camiño polo que vai avanzar a hospitalidade do futuro. Tamén hai que dicir que nos unimos a unha marca de referencia europea como é a marca Celta, o que nos axuda a medrar como empresa.
Pola nosa parte, en SmartRental contamos cunha experiencia que tamén pode achegar moito ao Celta na xestión integral destes activos residenciais. Intentaremos liberar ao club das tarefas menos propias dunha entidade deportiva e procurar, co noso traballo, que se sintan orgullosos da xestión que facemos, de todos os clientes que teñamos, de todos os estudantes e de todos os futbolistas que poidan vivir na residencia Celta360.
P: Se dentro de cinco ou dez anos unha persoa nova chega a Celta360 para estudar ou emprender e pasa por un espazo xestionado por Smart Rental, que che gustaría que pensase ao marchar sobre este proxecto?
R: Que gozou da experiencia. O que eu quero pensar é que non somos unha cama nin unha habitación; somos un espazo de vida. Somos un lugar ao que vés vivir e medrar. Polo tanto, gustaríame que a mocidade sentise que medrou, que gozou, que viviu experiencias que lembrará toda a vida e que, cando pasen os anos, lle entren ganas de volver visitar ese lugar onde tanto gozou, medrou e aprendeu.