


O ecosistema Celta360 continúa dando pasos firmes para consolidarse como un dos grandes centros de alto rendemento do fútbol europeo. A recente elección do Real Sporting para desenvolver parte da súa pretempada nas instalacións do Celta supuxo moito máis ca unha estancia puntual: representa un novo exemplo da estratexia que o club está a impulsar para converter as súas infraestruturas deportivas nun activo capaz de xerar ingresos recorrentes e reforzar a sustentabilidade económica da entidade.
A aposta forma parte dun dos eixes estratéxicos de Celta360: ofrecer un contorno de excelencia para a organización de training camps, concentracións e estadías de preparación de equipos de elite nun recinto preparado tamén para ser subsede do Mundial 2030. O complexo reúne campos de adestramento de primeiro nivel, servizos especializados, aloxamento próximo e un contorno que permite desenvolver programas de traballo en condicións óptimas, converténdose nunha alternativa competitiva dentro do mercado europeo de centros de alto rendemento.
Para impulsar esta liña de negocio, o Celta reforzou recentemente a súa estratexia mediante un acordo con Proximma Sports e MCI Sport, dúas compañías que constituíron unha joint venture para unir a súa experiencia en márketing deportivo, desenvolvemento comercial e organización internacional de partidos, xiras e pretempadas. Froito desta colaboración, ambas as entidades traballarán na captación de clubs profesionais, nacionais e internacionais, para que desenvolvan os seus training camps en Celta360, contribuíndo a posicionar Vigo e a súa área metropolitana como un destino de referencia, xerando así unha nova vía de ingresos vinculada á explotación das infraestruturas deportivas do club.
Non se trata dunha iniciativa illada. O CD Leganés tamén realizou esta semana parte da súa pretempada no Estadio de Barreiro, instalación que continúa en uso e mantida polo club vigués, e durante a pasada tempada, coincidindo coa participación do Celta na UEFA Europa League, a entidade celeste xa acolleu nas súas instalacións varios dos equipos que visitaron Vigo para disputar a competición continental, entre eles o PAOK, o OGC Nice e o Olympique Lyonnais. Aquelas experiencias serviron para comprobar a capacidade organizativa e operativa de Celta360 e demostraron que as instalacións cumpren coas esixencias de clubs de primeiro nivel no panorama europeo.
Esta visión responde a un modelo de xestión cada vez máis estendido no fútbol europeo, onde as cidades deportivas deixan de ser exclusivamente espazos destinados ao uso interno dos clubs para converterse tamén en activos capaces de xerar negocio. A explotación das instalacións mediante o alugueiro para concentracións deportivas representa unha fonte de ingresos complementaria que permite maximizar o investimento realizado en infraestruturas e diversificar as vías de financiamento da entidade.
No caso do Celta, esta estratexia intégrase dentro de infraestruturas como A Sede, o estadio ABANCA Balaídos ou Celta360, un ecosistema concibido para combinar deporte, formación, innovación e emprendemento arredor dunhas instalacións de referencia. A captación de clubs profesionais constitúe un dos piares dese modelo, xunto co desenvolvemento de programas académicos, iniciativas vinculadas á industria do deporte e proxectos empresariais que buscan converter o complexo nun polo de actividade durante todo o ano.
Máis alá do rendemento deportivo, o club concibe Celta360 como unha plataforma capaz de atraer talento, coñecemento e investimento, facendo que os seus activos inmobiliarios sexan un motor de actividade permanente e unha ferramenta clave para avanzar cara a un modelo económico máis diversificado, sostible e competitivo.