


Proximma Sports e MCI Sport acadaron un acordo de colaboración co Celta para potenciar as instalacións de Celta360. As dúas entidades colaborarán estreitamente neste proxecto, poñendo en común a súa experiencia en márketing deportivo, desenvolvemento comercial e organización internacional de partidos, xiras e pretempadas. Grazas a esta alianza, Proximma Sports e MCI Sport serán as encargadas de atraer ás instalacións de Celta360 training camps de equipos de fútbol profesional, consolidando Vigo e a súa área metropolitana como un destino de referencia para a preparación de clubs e seleccións nacionais e internacionais, xerando así unha nova vía de ingresos para a entidade celeste.
A colaboración permitirá que equipos profesionais visiten de forma recorrente as instalacións de Celta360 para realizar as súas concentracións e adestramentos en determinados momentos do ano, aproveitando un complexo deportivo de primeiro nivel. O acordo reforza, ademais, a estratexia do Celta de potenciar o desenvolvemento e a proxección internacional do seu ecosistema deportivo e empresarial.
A sinatura do acordo escenificouse cunha fotografía oficial na que participaron Jaime Casas, CEO de Proximma Sports; Pierre Mévy, CEO de MCI Sport; Fernando Iturbe, responsable de Desenvolvemento de Negocio de Celta360; Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais do Celta; e Miguel Álvarez, conselleiro do club vigués. Previamente, os representantes de Proximma Sports e MCI Sport realizaron unha visita á Cidade Deportiva Afouteza, onde coñeceron os avances das obras do futuro ecosistema Celta360, un proxecto chamado a converterse nun dos principais polos de desenvolvemento económico e deportivo de Galicia e do norte de Portugal.