

O Salón Regio de A Sede acolleu este luns o acto de presentación da primeira edición de A Canteira Experience Showcase, unha nova iniciativa impulsada por Celta360 en colaboración con Panda Sports que nace co obxectivo de seguir proxectando a metodoloxía formativa do Celta a nivel internacional.
A primeira edición do Showcase reúne a 28 xogadores e xogadoras de 11 nacionalidades distintas, con idades comprendidas entre os 8 e os 20 anos, unhas cifras que reflicten o carácter internacional e a ambición dun proxecto integrado no programa A Canteira Experience.
Durante a presentación púxose en valor a colaboración entre Celta360 e Panda Sports, un acordo que supón o inicio dunha alianza con vocación de continuidade para desenvolver novas iniciativas conxuntas no ámbito da formación e da captación de talento.
Do 3 ao 6 de agosto, os participantes gozarán dunha experiencia inmersiva na contorna profesional do club. Ao longo de catro xornadas coñecerán de primeira man o modelo metodolóxico do Celta, adestrarán baixo a supervisión de técnicos da canteira e terán a oportunidade de amosar o seu talento ante os profesionais da área deportiva.
A presenza de futbolistas femininas nesta primeira edición representa tamén un paso importante para o crecemento do proxecto, en liña coa aposta do club polo desenvolvemento do fútbol feminino e o impulso de As Celtas.
O programa desenvolverase principalmente nas instalacións deportivas da Madroa e incluirá seis sesións de adestramento, avaliacións deportivas, charlas formativas, partidos finais e visitas a algúns dos espazos máis emblemáticos do club, como ABANCA Balaídos, A Sede, a Cidade Deportiva Afouteza e as obras do futuro complexo Celta360.
“Con este novo proxecto, Celta360 aspira a consolidar A Canteira Experience Showcase como unha cita estable dentro do noso calendario, con novas edicións ao longo das próximas tempadas orientadas ao desenvolvemento do talento tanto masculino como feminino”, explicou durante a presentación Fernando Iturbe, responsable de desenvolvemento de negocio de Celta360. O obxectivo é seguir reforzando o posicionamento do Celta como unha referencia internacional na formación integral de futbolistas e ofrecer á mocidade de todo o mundo a oportunidade de vivir desde dentro a experiencia e a metodoloxía de traballo de A Canteira.