

O Celta continúa reforzando a súa aposta polo desenvolvemento do talento e a formación integral de mozos deportistas a través de A Canteira Experience, o programa formativo integrado no proxecto Celta360, que celebrará este mes de xuño un campus de fútbol en Tanzania.
A iniciativa desenvolverase entre os días 22 e 28 de xuño nas cidades de Dar es Salaam e Arusha. Este campus, organizado en colaboración coa Magnet Youth Sports Academy, representa un novo paso na estratexia de expansión internacional do club e supón un fito especialmente relevante para o crecemento de A Canteira Experience no continente africano.
Tras o caso de éxito de Joseph, cuxa evolución puxo de manifesto o impacto e o alcance do modelo formativo celeste, o Celta reforza o seu compromiso coa identificación, o desenvolvemento e a promoción do talento novo máis alá das nosas fronteiras. A previsión actual é acadar unha participación aproximada de 120 xogadores, co período de inscrición aberto ata o día previo ao inicio da actividade.
A través de A Canteira Experience, o Celta comparte a súa metodoloxía de traballo, os valores da canteira e a súa visión integral do desenvolvemento do futbolista, achegando o modelo formativo do club a novos mercados estratéxicos e fortalecendo a presenza internacional da marca Celta.
Con iniciativas como esta, o proxecto Celta360 continúa consolidándose como unha plataforma global de innovación, formación e conexión con novas comunidades futbolísticas en todo o mundo.