

As instalacións de Celta360 acolleron un encontro internacional entre os equipos xuvenís do Celta e da Juventus, disputado durante a tarde previa ao enfrontamento da UEFA Europa League entre ambos os clubs. O partido reuniu futbolistas da xeración de 2010 da Juventus e un equipo específico do Celta, formado por xogadores das xeracións de 2009 e 2010 da súa canteira, nunha nova mostra da capacidade do ecosistema Celta360 para acoller experiencias deportivas internacionais.

Un dos aspectos máis destacados do encontro foi a participación de tres xogadores de A Canteira Experience, o tanzano Joseph Jr. e os dous xaponeses, Khota e Sho, que actualmente forman parte do programa de formación grazas á colaboración con Wakatake Group. Os tres foron seleccionados polos técnicos da canteira celeste para formar parte do equipo que se enfrontou á Juventus, unha oportunidade que pon en valor a súa evolución e lles permite vivir desde dentro unha experiencia competitiva xunto a xogadores da estrutura formativa do Celta.

Esta participación reflicte un dos obxectivos de A Canteira Experience: ofrecer a novos futbolistas internacionais un contorno de formación e desenvolvemento no que poidan progresar e demostrar o seu talento. A posibilidade de seren seleccionados para este tipo de encontros supón un paso significativo na súa experiencia en Vigo e amosa como o traballo diario pode abrir novas oportunidades deportivas dentro do contorno celeste.

O encontro, que rematou coa vitoria do Celta por 2-0, tamén puxo de relevo, unha vez máis, as posibilidades de Celta360 como espazo preparado para recibir clubs internacionais e xerar experiencias de gran valor deportivo. Unha combinación de instalacións, formación e oportunidades que conecta a proxección internacional do ecosistema Celta360 co desenvolvemento de novos talentos de todo o mundo.
