


O proxecto Celta360 continúa avanzando no desenvolvemento das súas infraestruturas coa celebración, esta mañá, do acto de sinatura vinculado ao procedemento de expropiación dos terreos necesarios para a súa execución en Mos.
No acto participaron Marián Mouriño, presidenta do Celta; Carlos Lefler, técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo dependente da Xunta de Galicia; e Jorge Lorenzo, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pereiras, no marco do procedemento administrativo que afecta a unha superficie de 148.833 metros cadrados destinados á construción do ecosistema Celta360.

Con este avance, Celta360 continúa o seu camiño cara á consolidación dun espazo de referencia para o deporte de alto rendemento, a formación e o emprendemento, reforzando a súa vocación de contribuír ao desenvolvemento de Galicia a través dun proxecto con visión de futuro.
Tras a sinatura, o Celta agradece a participación e a colaboración de todas as partes implicadas neste proceso, fundamental para seguir avanzando no desenvolvemento dun proxecto concibido para ampliar as capacidades deportivas, formativas e económicas do club.
