

A formación é unha das verticais fundamentais do proxecto Celta360. Traballamos para que todos os nenos e nenas que residan no complexo gocen da mellor educación posible; por iso confiamos nunha institución como Los Sauces para achegar un valor engadido cando falamos da formación dos nosos mozos deportistas. Desde a súa posición, como parte importante do ecosistema Celta360, falamos con José Antonio Rois Quiroga, director xeral de Los Sauces e presidente da Asociación de Colexios Privados e Independentes de España (CICAE).
Pregunta: José Antonio, ¿como definiría a proposta educativa de Los Sauces?
Resposta: A nosa proposta educativa baséase nunha formación integral do alumnado. No noso lema recóllese a idea do noso colexio: “o protagonista es ti”. Os protagonistas da nosa proposta educativa son os alumnos. Para iso, buscamos esa formación integral que non só se basea en acadar a excelencia académica, senón tamén no desenvolvemento persoal, emocional e social de cada estudante. Nos nosos centros traballamos para formar persoas preparadas para os retos do futuro, con criterio propio, capacidade de esforzo e un forte sentido da responsabilidade.
P: Nun sector tan competitivo, ¿que diría que diferencia realmente a Los Sauces doutros colexios privados en España?
R: Eu creo que hai dúas grandes diferenzas entre Los Sauces e o resto de centros. O noso é un proxecto propio, moi persoal; é un colexio familiar, moi próximo, onde valoramos moito o compromiso de todo o noso equipo humano. Apostamos por unha educación personalizada e próxima para que cada alumno se sinta sempre coñecido e acompañado. Combinamos dunha maneira moi clara a tradición e a adaptación constante aos cambios sociais e educativos, o que creo que nos permite seguir sendo un centro de referencia.
P: Nese sentido, ¿que papel xoga o deporte dentro da formación do alumnado?
R: O deporte é unha ferramenta educativa de primeiro nivel. A través del queremos que o alumnado aprenda a superarse, a traballar en equipo, a xestionar a frustración e a valorar o esforzo. Entendemos o deporte como un espazo privilexiado para educar en valores máis alá da actividade física.
P: Máis alá do académico, ¿que peso teñen os valores como o esforzo, o traballo en equipo ou a disciplina dentro do seu modelo educativo?
R: Os valores do deporte teñen un peso fundamental para nós. Entendemos que a educación é algo moito máis amplo ca os contidos académicos, por iso lle damos tanta importancia ao deporte. O esforzo, a constancia ou o respecto son valores fundamentais que, cando se interiorizan, serven para todos os ámbitos da vida.
P: A nivel persoal, ademais do seu labor en Los Sauces, é presidente de CICAE. ¿Que retos principais afronta actualmente a educación privada en España?
R: Ser presidente de CICAE e representar os 65 centros máis prestixiosos do noso país para min é unha honra. Un dos principais retos da educación hoxe en día é saber adaptarse a un contorno en constante cambio, tanto a nivel tecnolóxico como social. É clave seguir defendendo a liberdade de elección das familias que apostan pola educación privada e o papel que xoga nun sistema educativo como o que temos en España, xa que debemos seguir traballando para que a oferta educativa vaia sempre acompañada de calidade e rigor.
P: Desde esa posición en CICAE, ¿cara a onde cre que evoluciona o modelo educativo nos próximos anos?
R: Aquí vou varrer un pouco para a casa e retomar o que comentaba antes sobre o que atopan os alumnos en Los Sauces. Creo que o modelo educativo vai evolucionar cara a unha maior personalización da aprendizaxe. Teremos que aceptar un uso máis intensivo da tecnoloxía, pero sempre desde un enfoque moi personalizado, sen perder o foco no humano. Haberá unha maior integración de competencias na educación; unha educación máis práctica, conectada coa realidade e cunha atención crecente ao benestar social do alumnado.
P: ¿Como xorde a colaboración con Celta360 e que lles motivou a formar parte do proxecto?
R: Para nós foi un orgullo que o Celta contase connosco para formar parte do ecosistema Celta360. Levamos traballando co club desde o ano 2013 e somos conscientes da aposta que fai o Celta polos mozos e pola súa formación máis alá do fútbol. Aí compartimos a mesma visión: ambas entidades traballamos para ofrecerlle á mocidade unha formación integral. Desde o primeiro momento vimos que Celta360 non é só un proxecto deportivo, senón tamén educativo. A partir de aí, apostamos por unir esforzos e seguir empregando o deporte como ferramenta para formar en valores.
P: Desde o seu punto de vista, ¿que achega un club como o Celta a un contorno educativo como o seu?
R: Achega moitísimo: experiencia, profesionalidade e unha cultura deportiva de alto nivel. Un club como o Celta representa uns valores cos que nos identificamos moito.
P: O modelo Celta360 busca unha formación integral do mozo deportista. ¿Como encaixa esta filosofía coa identidade educativa de Los Sauces?
R: Encaixa dunha forma natural. En Los Sauces cremos nesa formación integral onde o académico, o persoal e o deportivo se complementan. No complexo Celta360, cando estea operativo o novo Colexio Los Sauces Celta360, o alumnado deportista terá un contorno ideal para medrar en todas as dimensións.
P: Los Sauces tamén xestionará a escola infantil prevista no complexo Celta360. Isto é algo a ter en conta polas familias interesadas no proxecto, ¿non?
R: Poder xestionar tamén a escola infantil que teremos en Celta360 supón que un neno ou unha nena, desde os 0 anos, pode estar en Los Sauces. Comezar con 0 anos e marchar con 18. Iso, para as familias que aposten polo noso modelo, creo que é unha garantía de estabilidade e compromiso formativo.
P: Para rematar, ¿que lle gustaría que unha familia ou un alumno pense cando escoita “Los Sauces Celta360”?
R: Que pense que está ante unha oportunidade única, que vai atopar unha educación de calidade ligada a unha formación deportiva esixente e en valores. Ao final, cando falamos de Celta360, falamos dun contorno onde se pretende coidar á persoa na súa totalidade, onde a intención é preparar á mocidade non só para competir, senón para a vida.