
Celta360 da un paso máis coa sinatura dun convenio clave co Concello de Mos. O Celta e o Concello, onde se atopa situada a Cidade Deportiva Afouteza, asinaron un acordo que permitirá poñer en marcha un moderno sistema xeral de subministración de auga que conectará o Proxecto de Interese Autonómico coa rede principal do sistema de Louro.
Este novo convenio regula a execución do depósito regulador de Coto dos Mosquitos e a súa conexión co depósito municipal de A Veigadaña mediante unha nova conducción, bombeos e sistemas de control que ocuparán ao redor de 5.300 m². A infraestrutura incluirá unha condución de uns seis quilómetros, bombeos intermedios e un depósito integrado no sistema de telecontrol do Consorcio de Augas do Louro. Durante o acto de sinatura, ambas partes avanzaron que o inicio destas obras será inminente.
O orzamento estimado das obras ascende a 2,57 millóns de euros, dentro dunha inversión global do Celta que superará os 3,1 millóns. Todo o custo será asumido integramente polo club, mentres que o Concello de Mos encargarse de supervisar a tramitación técnica, xestionar os terreos de titularidade municipal, recibir a obra unha vez finalizada e ocuparse da explotación do novo sistema de subministración.
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, foron as encargadas de asinar o acordo nun acto no que tamén estivo presente Carlos Cao, director de infraestruturas e relacións institucionais, quen subliñou que este convenio é “tremendamente importante para o proxecto e para o club. Demostra unha vez máis que cando se otorgou a DIA, outorgouse motivada, entre outras cousas, polo carácter xeral de Celta360. Esta será unha infraestrutura necesaria que vai dotar ao resto da comunidade con algo que hoxe non ten e que dará servizo ás diferentes parroquias próximas ao complexo”. Pola súa banda, Nidia tamén destacou que este paso “reforza o subministración de auga na zona, acompaña o desenvolvemento de Celta360 e mellora a capacidade do sistema xeral do municipio”.
Este novo avance enmárcase nas determinacións do PIA Celta360, aprobado pola Xunta de Galicia, que contempla esta infraestrutura como peza esencial para atender as novas necesidades do proxecto e reforzar a rede de subministración existente.