
O Celta continúa potenciando o proxecto Celta360 a nivel internacional xunto co seu compromiso coa formación do talento novo. Neste contexto, a Cidade Deportiva Afouteza, un dos piares do ecosistema Celta360, foi escenario durante os últimos días da visita institucional e deportiva da Liga TDP de México, unha das principais plataformas de desenvolvemento do fútbol formativo no país norteamericano.
A primeira xornada tivo lugar o pasado venres 27 de marzo, cando o club recibiu en Afouteza a un combinado U19 composto por xogadores procedentes de distintos equipos que integran a Liga TDP. Este grupo, que participou durante a Semana Santa na Oviedo Cup, tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do Celta mediante un percorrido completo polo complexo. Durante a visita, os futbolistas e o corpo técnico puideron descubrir a metodoloxía de traballo do club, así como as diferentes áreas que conforman o modelo formativo celeste, peza clave do proxecto Celta360.
A segunda xornada institucional celebrouse o luns 31 de marzo coa recepción dunha delegación de directivos da Liga TDP e do fútbol mexicano, integrada por César Rogelio Velázquez Alcántara, director xeral da Liga TDP; Jorge Eduardo García Hernández, presidente do Club Atlético Leones e directivo Liga TDP; Jorge Alcántar García, presidente do Club Xalisco e directivo Liga TDP; Karina Medel Romero, xerente xurídica da Liga TDP; Salomith Ramírez, presidenta do Club Irapuato da Liga Expansión e Bernardo Hernández, enlace institucional do Club Guadalajara.
Durante o encontro, o Celta presentou en detalle o seu proxecto deportivo e institucional, abordando tanto a actualidade como as liñas estratéxicas de futuro. A comitiva mexicana tamén tivo a oportunidade de compartir impresións co director de fútbol do club vigués, Marco Garcés, nun ambiente de intercambio de coñecemento e experiencias sobre modelos de desenvolvemento de talento. A xornada concluíu cunha fotografía institucional e un intercambio de camisolas que simboliza o fortalecemento dos lazos entre ambas entidades.
Esta competición, a Liga TDP, é a cuarta categoría do fútbol en México e a base formativa do sistema profesional organizado pola Federación Mexicana de Fútbol. Está composta principalmente por clubs de desenvolvemento e filiais, sendo unha competición que reúne a novos futbolistas de entre 15 e 23 anos que buscan dar o salto ao profesionalismo. A día de hoxe, está consolidada como un piar fundamental na estrutura do fútbol mexicano.
Tras estas xornadas de traballo, o Celta e a Liga TDP emprazanse a futuras colaboracións que permitan xerar sinerxías dentro do ecosistema Celta360. Ambas entidades comparten a visión de impulsar a formación integral do xogador e o desenvolvemento de proxectos internacionais que fomenten o crecemento do talento novo.
Con iniciativas como esta, a entidade que preside Marián Mouriño continúa consolidando Celta360 como un punto de encontro global para a formación, o intercambio e a innovación no fútbol base.