


As instalacións do Celta continúan medrando con paso firme, co obxectivo de converterse nun referente dentro do mundo deportivo. O proxecto Celta360 avanza coa idea de ofrecer un espazo moderno e versátil, capaz de acoller programas de inmersión individual e grupal axustados ás necesidades de cada club ou persoa que queira vivir a experiencia Celta.
Mentres as obras seguen o seu curso segundo o previsto, o club continúa abrindo as súas portas a equipos de diferentes lugares, reforzando así a súa proxección internacional. Un exemplo recente foi a visita do Wexford FC, club que puido gozar da experiencia celeste, neste caso, nas renovadas instalacións de A Madroa, onde coñeceron de preto a metodoloxía Celta.
Durante a súa estadía, o equipo irlandés feminino mantivo unha estreita conexión con As Celtas; asistindo a un adestramento do primeiro equipo, realizando sesións propias e compartindo algunha conxunta coas Cadetes (sub16). Ademais, viviron a emoción dun partido oficial en A Madroa, onde foron homenaxeadas no descanso, e tiveron a oportunidade de visitar o estadio Abanca Balaídos e percorrer a cidade de Vigo. A experiencia completouse cun amistoso fronte ao equipo Infantil de As Celtas e un triangular co Lóstrego e o Mos, nun ambiente de deporte e aprendizaxe compartida.
O adestrador do Wexford FC destacou que esta experiencia foi “inolvidable e moi positiva, tanto a nivel deportivo como persoal”, permitindo ás xogadoras “aprender, gozar e crear lazos de amizade”. Unha delas sinalaba ademais as diferenzas entre o fútbol irlandés, “máis físico”, e o español, “máis técnico e rápido”, subliñando o moito que achega convivir con ambos estilos.
Con iniciativas coma esta, o Celta e as súas instalacións reforzan o seu compromiso por ofrecer espazos de primeiro nivel e abrir novas conexións con equipos internacionais. Un paso máis cara a un proxecto global que combina deporte, formación e valores compartidos, e que enche de orgullo a todo o club.