Este xoves 10 de xullo, a Cidade Deportiva Afouteza foi o escenario do acto simbólico de colocación da primeira pedra da segunda fase do proxecto GS360, que a partir de agora pasará a chamarse Celta360. O evento marcou o comezo dunha nova etapa na historia do club, o inicio dunha cidade deportiva máis innovadora e aberta a todos, que busca converterse nun referente a nivel mundial.
Deportistas de elite, diferentes autoridades, patrocinadores vinculados ao proxecto e traballadores do club non quixeron perderse o acto, así como os máis de 200 celtistas que acudiron ilusionados á presentación desta nova fase.
O evento comezou cunha introdución da presentadora galega Esther Estévez, quen foi a encargada de conducir unha tarde moi especial, dividida en tres momentos: pasado, presente e futuro.
O recordo da orixe do club chegou da man de Juan de Castro, neto de Manuel de Castro Handicap. O presente estivo representado por deportistas de talla mundial como Rodrigo Corrales, xogador de balonmán; Teresa Portela, piragüista; María Araujo, xogadora de baloncesto; e o relevante preparador físico Pepe Casal. Todos eles ilustraron, e seguen a ilustrar, á perfección os valores de esforzo e compromiso que Celta360 quere seguir impulsando nesta nova fase. O futuro foi narrado por Lara, capitá de As Celtas, e Damián, xogador do primeiro equipo celeste, ambos exemplos perfectos de como a canteira e o traballo abren camiños reais cara á elite e de como é posible pasar da bancada ao campo.
Tras este bloque, Esther deu paso a Carlos Cao, director de infraestruturas do club; Marco Garcés, director de fútbol; e Claudio Giráldez, adestrador do primeiro equipo, para falar sobre a competitividade do Celta, sobre o seu futuro e sobre as melloras tanto nas instalacións como na parte profesional e persoal de todos e todas os/as futbolistas.
“Hoxe iniciamos esta segunda fase de Celta360 e facémolo cunha mestura de emoción, de ilusión e, sobre todo, de orgullo… Estamos ilusionados e preparados para afrontar o que este proxecto representa para o club e para o deporte galego… Celta360 reforzará esa conexión coa comunidade, porque agora si, con esta segunda fase, será un lugar aberto para todos os celtistas e para toda a comunidade”, afirmou Marián Mouriño.
A presidenta do club tamén quixo facer referencia ao que significa este proxecto para o Celta, recollendo no seu discurso cada un dos puntos anteriores e destacando que a creación da nova Cidade Deportiva Afouteza foi posible grazas ao apoio dos traballadores, dos patrocinadores, da Comunidade de Montes de Pereiras, do celtismo e das institucións, que tamén tiveron o seu momento. Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, asegurou que “entre todos o conseguimos… Grazas por confiar en Mos e en min… Este será un legado para os nosos fillos e para os nosos netos”; algo que revalidou Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, que bautizou este proxecto como “unha aventura para todo o mundo… Imos xuntos no mesmo barco… Este é o futuro do Celta, pero tamén do deporte en Galicia… Isto transcende o fútbol… Isto non é máis que o comezo”.
O broche final púxoo o escritor Defreds, cun emotivo texto que deu paso ao cóctel de peche, onde todos os asistentes puideron compartir a ilusión polo futuro do club e do proxecto Celta360.
📽️ VÍDEO DO ACTO COMPLETO:
https://www.youtube.com/watch?v=sUxH-WDq_es