


Esta mañá, o Celta recibiu a visita institucional do decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano González Alfaya, quen percorreu as instalacións do ecosistema Celta360, xunto co presidente da Delegación do Colexio en Vigo, Manuel Martínez Carazo, para coñecer de primeira man o estado de execución e os avances deste proxecto estratéxico impulsado polo club vigués, tal e como fixeron outras institucións como a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e o Concello de Mos a semana pasada.
O decano estivo acompañado tamén polos arquitectos Jesús Irisarri e Javier Rivas, nunha visita guiada polo director de Infraestruturas e Relacións Institucionais do Celta, Carlos Cao, quen explicou a evolución das obras e os principais fitos construtivos dun complexo chamado a converterse nun referente nos ámbitos do deporte, a formación, a innovación e a sustentabilidade. “Todo o deseño arquitectónico do complexo é moi modular, moi executable e ten unha virtude que vale para todos os usos que queremos aquí”, explicaba Cao durante a visita.
Durante o percorrido, os asistentes puideron coñecer os distintos espazos que conformarán Celta360, un ecosistema integral concibido para xerar novas oportunidades de desenvolvemento social, educativo e económico en Galicia.
Así mesmo, abordáronse os retos técnicos e construtivos asociados a unha actuación desta envergadura, poñendo en valor a dimensión arquitectónica dun recinto concibido para integrarse de forma eficiente na contorna natural. Celta360 aspira a converterse nun referente non só polo seu impacto deportivo, educativo e social, senón tamén pola súa proposta arquitectónica, deseñada para xerar unha experiencia integrada e adaptada ás necesidades dos seus distintos usuarios.
“O proxecto arquitectónico de Celta360 é moi contemporáneo en canto a moitos aspectos, non só en canto a edificios. Ademais, xa se nota o compromiso de reforestar a contorna con especies autóctonas”, comentaba Jesús Irisarri ante a curiosidade do decano antes de empezar a visita.
Desde o club continúase impulsando este tipo de encontros con institucións, entidades e colectivos profesionais, co obxectivo de achegar o proxecto aos principais axentes da sociedade galega e compartir a evolución dunha iniciativa que contribuirá ao desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia.