A Cidade Deportiva Afouteza recibiu este mediodía unha visita moi especial. O recoñecido médico galego, Manuel Viso, achegouse ás instalacións do Celta para coñecer de primeira man o traballo que se realiza no club e compartir experiencias con parte dos servizos médicos do primeiro equipo.
Durante o seu percorrido por Afouteza, o Dr. Viso estivo acompañado por Ángel Piñeiro, médico do Celta, e Álex Rodríguez, nutricionista do primeiro equipo, con quen intercambiou impresións sobre saúde, nutrición e rendemento deportivo. Tamén estivo presente Fernando Iturbe, Responsable de Desenvolvemento de Negocio do Celta360, unha das iniciativas máis ilusionantes da entidade celeste.
O Dr. Manuel Viso é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Hematoloxía no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Actualmente exerce como xefe de Hematoloxía no Hospital San Rafael, ademais de coordinar a súa Unidade de Nutrición e colaborar co servizo de Medicina Interna. Unha brillante traxectoria acadmémica, na que destacan varios máster en Dirección Médica, Nutrición e Suplementación Deportiva, Farmacoloxía e Bioloxía Molecular, que lle impulsou a converterse nun gran divulgador de hábitos saudables, conferenciante e escritor.
Esta visita a Afouteza supuxo un valioso intercambio de coñecementos entre profesionais e un reforzo para o compromiso do Celta coa excelencia médica, a innovación e o coidado integral do deportista. Así, o club e Celta360 continuan avanzando e fortalecendo a conexión entre deporte e saúde.