O OGC Nice tivo a oportunidade de coñecer de preto as instalacións de Afouteza, o corazón deportivo do Celta. Durante a súa recente estancia en Galicia, o conxunto francés elixiu o centro de adestramento celeste para desenvolver o seu stage de traballo, tras o partido de UEFA Europa League disputado fronte ao equipo de Claudio Giráldez en Abanca Balaídos.
Unha visita na que Fernando Iturbe, xefe de desenvolvemento de negocio de Celta 360, e o adestrador do Nice, Franck Haise, protagonizaron un xesto simbólico de amizade cun intercambio de camisetas asinadas por ambos os equipos.
Para o Celta foi un orgullo recibir a un club de primeiro nivel europeo e compartir con eles uns días de preparación e convivencia nunha contorna pensada para o alto rendemento. Celta 360 quere agradecer especialmente a profesionalidade e o trato próximo do team manager do Nice, Florent Goiran, durante o seu paso por Vigo, así como felicitar ao conxunto francés pola súa posterior vitoria na liga ante o Rennes.
Esta experiencia reforza o compromiso de Celta 360 coa proxección internacional do club e o desenvolvemento de Afouteza como un espazo de referencia para o fútbol europeo. Seguirase traballando para que Vigo e o ecosistema Celta 360 sigan sendo un punto de encontro para o talento, a innovación e a paixón polo deporte.