O Celta e a Institución Educativa Los Sauces renovaron o acordo de colaboración que ambas entidades manteñen desde 2013 para a escolarización dos xogadores das categorías inferiores do club.
Esta nova sinatura incorpora importantes novidades, xa que esta institución xestiona o colexio internacional que ofrecerá formación aos residentes nos programas Academy de Celta360, unha instalación que estará ubicada na nova Cidade Deportiva Afouteza e que será un piar fundamental para o crecemento persoal e deportivo dos mozos.
O acto da sinatura contou coa presenza da presidenta do Celta, Marián Mouriño, que ve este acordo como unha oportunidade para «crecer xuntos. Sempre estamos encantados de colaborar con Los Sauces, pero esta vez aínda máis, ao contar cun proxecto máis ambicioso como é Celta360, no que unidos achegaremos unha educación de calidade aos mozos, tanto formativa como en valores»; e do director xeral de Los Sauces, José Antonio Rois, que, ademais de sentirse orgulloso desta renovación, destacou que a colaboración co club vén «desde o 2013 e que durante todos estes anos vimos como o Celta foi capaz de vincular os valores do deporte coa educación e que haxa esixencia en ambos os sentidos». Tamén estivo presente Luis A. Yáñez, director de business development sports de CBRE, impulsor da sinatura, así como diversos representantes da Institución Educativa.
Grazas a este convenio, os xogadores celestes en formación seguirán tendo acceso a unha educación de calidade, mentres que a nova residencia quedará en mans expertas, reforzando unha colaboración que, tras máis dunha década, se mantén sólida e en constante evolución.