

Un grupo de novos futbolistas procedentes de Kenia, acompañados por un pai e un adestrador, visitará Vigo do 18 ao 25 de novembro para gozar dunha experiencia deportiva e formativa enmarcada no programa A Canteira Experience, impulsado por Celta360. A iniciativa, que conta coa colaboración de Run The Ball, permitirá aos mozos coñecer de primeira man o funcionamento da canteira do Celta e mergullarse durante unha semana no modelo de formación do club.

Ao longo da súa estadía, os xogadores participarán en diferentes actividades nas instalacións do club vigués, onde terán a oportunidade de adestrar, compartir experiencias e achegarse á metodoloxía de traballo dos técnicos de A Canteira. Unha experiencia que combina formación e competición, e que busca contribuír tanto ao desenvolvemento deportivo como ao crecemento persoal dos participantes, favorecendo ademais o intercambio entre diferentes culturas futbolísticas.
Con esta nova visita internacional, A Canteira Experience continúa reforzando a proxección internacional do modelo formativo celeste e a súa vocación de converterse nun punto de encontro para novos talentos de diferentes partes do mundo. Durante esa semana, os futbolistas kenianos poderán vivir desde dentro o día a día do Celta, coñecer en persoa o seu compatriota Aldrine Kibet, xogador do Celta Fortuna, compartir a identidade e os valores do club e levar de Vigo unha experiencia que vai moito máis alá do fútbol.