

O Celta continúa a impulsar a súa proxección internacional e a achegar o seu modelo de formación a mozos futbolistas de todo o mundo a través de A Canteira Experience. Nesta ocasión, o club irlandés Wexford FC visitou as instalacións celestes con varios dos seus equipos de fútbol base para vivir unha experiencia formativa e coñecer de primeira man a metodoloxía de A Canteira.
A estadía desenvolveuse en dous períodos. Entre o 26 e o 29 de outubro, o equipo masculino U15 do Wexford FC participou nesta experiencia, mentres que do 29 de outubro ao 1 de novembro tomaron a remuda os conxuntos masculinos U13 e feminino U17, que compartiron xornadas de formación e actividade deportiva no contorno do Celta.
Durante estes días, os mozos futbolistas puideron achegarse aos principios de traballo que definen o modelo de formación celeste, coñecendo a metodoloxía do club e a súa maneira de entender o desenvolvemento integral do deportista, tanto dentro como fóra do terreo de xogo.

A experiencia permitiu, ademais, crear espazos de convivencia e intercambio con equipos da estrutura celeste. No caso do conxunto feminino U17 do Wexford FC, as súas xogadoras compartiron sesións de adestramento co equipo xuvenil de As Celtas, unha oportunidade para intercambiar experiencias e gozar do fútbol nun contorno de aprendizaxe compartida.
Pola súa banda, o equipo masculino irlandés disputou un partido amigable fronte a un equipo xuvenil de Celta360, integrado por mozos futbolistas internacionais que actualmente residen en Vigo e participan en A Canteira Experience. Esta visita reforza o papel de A Canteira Experience como unha vía para compartir internacionalmente a identidade e o modelo formativo do Celta, ofrecendo a clubs e mozos deportistas a posibilidade de achegarse á súa metodoloxía e vivir desde dentro o día a día da canteira celeste.

A través de iniciativas coma esta, Celta360 continúa a xerar oportunidades de aprendizaxe e conexión entre culturas futbolísticas, con A Canteira como punto de encontro e referente para o desenvolvemento de novos talentos de todo o mundo.