

O Royal Union Saint-Gilloise tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións de Celta360, aproveitando a súa viaxe a Vigo para disputar o seu encontro da UEFA Europa League fronte ao Celta.
O conxunto belga solicitou o acceso ás instalacións do complexo para levar a cabo unha sesión de adestramento o día seguinte ao partido europeo, unha ocasión que tamén permitiu á súa expedición descubrir os diferentes espazos e recursos que conforman o ecosistema Celta360.

Durante a súa estadía, o club presidido por Alex Muzio puido coñecer as características dun complexo deportivo concibido para dar resposta ás necesidades do fútbol profesional, tanto no ámbito do adestramento e da preparación deportiva como no da concentración e o rendemento dos equipos.

Ademais, o responsable de arquitectura do Celta, Ismael Fernández, e o responsable de desenvolvemento de negocio de Celta360, Fernando Iturbe, dedicaron parte da xornada a presentarlles a varios integrantes da expedición belga o proxecto Celta360, explicándolles a súa concepción, as súas principais características e todo o que representa este ecosistema integral ao servizo do deporte.
Como xesto de cortesía institucional durante a visita, tivo lugar un intercambio de camisolas entre o responsable de desenvolvemento de negocio de Celta360, Fernando Iturbe, e o adestrador do conxunto belga, David Hubert.

A presenza do Royal Union Saint-Gilloise supón unha nova mostra do interese que espertan as instalacións de Celta360 entre clubs do panorama futbolístico internacional, que atopan nelas, grazas ás referencias que xa manexa o Celta de experiencias similares vividas por outros clubs, un espazo axeitado para desenvolver a súa actividade deportiva durante os seus desprazamentos e compromisos competitivos.
Desde o Celta valórase moi positivamente a confianza depositada polo conxunto belga, cuxa visita contribúe a seguir impulsando a proxección internacional das súas instalacións e o seu posicionamento como un recinto deportivo chamado a converterse nun referente en Europa.
![]()
