

O futbolista portugués Sérgio Oliveira escolleu as instalacións do ecosistema Celta360 para continuar coa súa preparación individual mentres define o seu próximo destino profesional. Cunha destacada traxectoria no fútbol europeo, Sérgio Oliveira conquistou numerosos títulos de liga e copa co FC Porto, ademais de sumar trofeos en Grecia e Turquía con PAOK, Galatasaray e Olympiacos. Coa AS Roma proclamouse campión da UEFA Europa Conference League en 2022. Conta tamén con experiencia ao máis alto nivel europeo, incluída a UEFA Champions League, e vestiu a camiseta da selección portuguesa.
Actualmente, Oliveira traballa en Vigo xunto ao seu equipo persoal de preparadores físicos, seguindo a diario un plan específico de adestramento, tanto no ximnasio como no campo, co obxectivo de manter un nivel de alto rendemento e estar preparado para a súa próxima oportunidade profesional.

A súa presenza supón un novo exemplo das posibilidades que ofrece Celta360 como contorno de alto rendemento para deportistas profesionais, poñendo as súas instalacións e recursos ao servizo tamén de atletas que necesitan un espazo de primeiro nivel para desenvolver a súa preparación individual.
Esta liña forma parte da estratexia de Celta360 para seguir posicionando as súas instalacións como un destino de referencia para o deporte profesional, tanto a través da acollida de futbolistas a título individual como mediante a organización de training camps para clubs e equipos. Unha aposta que busca seguir medrando coa chegada de novos equipos nacionais e internacionais e ampliar as posibilidades de uso das instalacións durante todo o ano.
Coa preparación de Sérgio Oliveira, Celta360 volve demostrar a súa capacidade para adaptarse ás necesidades do fútbol profesional e ofrecer un contorno pensado para que o rendemento non se deteña, independentemente do momento da tempada.
