
O Real Sporting de Gijón continúa coa súa preparación de cara á nova tempada nas instalacións do Celta, onde xa traballa a pleno rendemento. O conxunto asturiano optou este verán por achegarse ao club vigués para levar a cabo o seu training camp de pretempada nunha contorna deseñada para ofrecer as mellores condicións de preparación a equipos profesionais.
Tras a súa chegada a Vigo a comezos de semana, o club branquivermello desenvolve a súa planificación de adestramentos na Cidade Deportiva Afouteza, aproveitando a calidade das instalacións e os servizos que ofrece o ecosistema Celta360.
Durante estes primeiros días de concentración, o equipo dirixido por Nicolás Larcamón xa disputou o seu primeiro compromiso amigable fronte ao Celta Fortuna, un encontro que serviu para que ambos os conxuntos acumulen minutos de competición e poidan seguir axustando o traballo de pretempada antes do inicio oficial da campaña.
A estancia do conxunto xixonés en terras galegas concluirá este sábado cun novo partido amigable, nesta ocasión fronte ao primeiro equipo do Celta, no Estadio Municipal da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, poñendo o broche final a unha concentración que sitúa Celta360 como un destino de referencia en Galicia e no norte de Portugal para a preparación de clubs profesionais.
A elección do Real Sporting reforza a consolidación de Celta360 como un espazo de alto rendemento capaz de acoller concentracións de equipos nacionais e internacionais, ofrecendo infraestruturas de primeiro nivel e unha contorna idónea para a preparación deportiva.