


Cando Yua chegou a Vigo desde Xapón sendo un novo futbolista da categoría infantil, fíxoo cun obxectivo claro: medrar como xogador nun contorno do máximo nivel. A través do programa A Canteira Experience, anteriormente coñecido como Celta Academy, atopou a oportunidade de desenvolver o seu talento dentro da metodoloxía do Celta e de formarse como persoa máis alá do fútbol, aproveitando a oportunidade de medrar nunha cultura moi distinta da súa.
Varios anos despois, a súa historia, igual ca do seu compañeiro Joseph, converteuse nun dos mellores exemplos do que representa A Canteira Experience. O futbolista xaponés só falaba o seu idioma cando chegou a Vigo e, a día de hoxe, pódelo escoitar falando cos seus compañeiros tanto en castelán como en galego. Completou con éxito os seus estudos de Bacharelato no Colexio Los Sauces, compaxinando a esixencia académica coa súa evolución deportiva, e este verán dará un novo paso na súa traxectoria realizando a pretempada co Xuvenil A do Celta.
Desde a súa chegada a Galicia, grazas ao acordo estratéxico que o Celta mantén con Wakatake Group, Yua viviu un proceso de adaptación constante, tanto dentro como fóra do terreo de xogo. Integrado na estrutura formativa do club desde as categorías inferiores, puido evolucionar seguindo a metodoloxía de traballo do Celta, ao tempo que adquiría unha formación académica de calidade que lle permitiu completar unha etapa educativa fundamental para o seu futuro.
“Nacín moi lonxe de aquí, nunha cultura moi diferente. Ao principio non foi doado, pero o Celta acolleume coma se fose un máis. O que comezou sendo unha aventura converteuse nunha parte da miña vida”, explicaba Yua aos medios oficiais do club.
O seu percorrido reflicte a esencia de A Canteira Experience: ofrecer a novos futbolistas internacionais un contorno no que o desenvolvemento deportivo e o crecemento persoal avanzan da man. O programa permite aos xogadores adestrar baixo a metodoloxía oficial do club, competir nun contexto de alto rendemento e combinar esa formación con estudos adaptados ás súas necesidades, grazas á colaboración con institucións educativas como o Colexio Los Sauces.
A historia de Yua demostra que A Canteira Experience non só contribúe a formar mellores futbolistas, senón tamén persoas preparadas para afrontar o seu futuro cunha formación integral. A súa evolución, desde aquel neno xaponés que chegou a Vigo coa ilusión de aprender ata converterse nun xogador que segue medrando dentro da canteira celeste mentres completa con éxito a súa formación académica, representa á perfección o propósito do programa.