
O Celta dá un novo paso na súa estratexia de internacionalización co lanzamento de A Canteira Experience Showcase, unha iniciativa destinada á identificación, avaliación e desenvolvemento de novos futbolistas de todo o mundo baixo a metodoloxía oficial do club. Para poñer en marcha este proxecto, a entidade celeste alcanzou un acordo de colaboración con Panda Events 4 Sports, que achegará a súa experiencia en promoción e captación internacional.
Integrado no programa A Canteira Experience, o Showcase ofrecerá aos participantes a oportunidade de adestrar durante catro días na contorna profesional do Celta, coñecer de primeira man o seu modelo formativo e ser avaliados pola área deportiva do club. A primeira edición celebrarase do 3 ao 6 de agosto de 2026 e estará dirixida a xogadoras das categorías U12 a U23 e a xogadores das categorías U15 a U23, cun marcado carácter internacional.
A actividade desenvolverase principalmente nas instalacións deportivas da Madroa e incluirá cinco sesións de adestramento, avaliacións deportivas, charlas formativas, partidos finais e visitas a espazos emblemáticos do club como Abanca Balaídos, A Sede, a Cidade Deportiva Afouteza e as obras que darán forma a todo o complexo Celta360. Todo isto permitirá aos participantes vivir unha experiencia inmersiva baseada na metodoloxía e nos valores que definen o traballo de canteira do Celta.
![]()

Con esta iniciativa, o club continúa apostando pola detección e o desenvolvemento de talento internacional, consolidando A Canteira Experience como un dos piares do seu crecemento global e unha nova vía para achegar a metodoloxía celeste a novos futbolistas con proxección.