
Vigo converteuse nas últimas semanas nun punto de encontro para o talento futbolístico xaponés. Un total de 34 mozos futbolistas do programa A Canteira Experience, procedentes de Xapón, coincidiron nas instalacións do Celta, entre experiencias de curta e longa estadía. Esta cifra reflicte a capacidade do club celeste para atraer novos talentos internacionais e situar o ecosistema Celta360 como un destino de referencia para a formación futbolística.
Non se trata dun feito puntual. Ao longo desta tempada serán arredor de 200 os futbolistas xaponeses que pasen por Vigo e, desde hai 9 tempadas, o Celta xa deixou a súa pegada en máis de 500 xogadores procedentes de Xapón. A isto súmase a presenza do club no país asiático: cada ano, técnicos do Celta desprázanse ao país do sol nacente para impartir clínics de formación e levar alí a metodoloxía celeste.

Esta experiencia é posible grazas ao acordo de colaboración entre o Celta e o Wakatake Group, que permite que mozos xaponeses se integren no día a día do club a través de A Canteira Experience, o programa de Celta360. Trátase dunha iniciativa que vai máis alá do adestramento e que ofrece aos seus participantes a oportunidade de coñecer desde dentro a metodoloxía de traballo celeste, mellorar as súas habilidades e medrar nun contorno formativo que combina esixencia, educación e desenvolvemento persoal. A relación con Xapón non deixou de medrar desde que o Celta e Wakatake Group iniciaron a súa colaboración na tempada 2017-2018.
O obxectivo é que cada participante viva a experiencia dun canteirán do Celta. E non se trata dunha canteira calquera: o Celta é o terceiro equipo das cinco grandes ligas europeas que máis minutos lles dá aos seus canteiráns, e o seu filial, o Celta Fortuna, logrou a pasada tempada un histórico ascenso a Segunda División. Deste xeito, os mozos xaponeses fórmanse nunha das mellores canteiras do mundo, cunha metodoloxía de referencia no desenvolvemento de xogadores.

A convivencia deste elevado número de futbolistas ano tras ano pon de manifesto o alcance internacional dun proxecto que conecta dúas culturas futbolísticas e comparte unha mesma paixón polo deporte. Para os mozos xaponeses, adestrar en Vigo supón achegarse a unha forma de entender o fútbol baseada no desenvolvemento do talento e na aprendizaxe continua; para o Celta, representa unha oportunidade para compartir a súa identidade e a súa metodoloxía con novas xeracións de futbolistas de todo o mundo.
De cara ao futuro, Celta360 traballa para atraer máis xogadores xaponeses a Vigo, co obxectivo de consolidar a cidade como o gran destino formativo do fútbol xaponés en Europa. Con A Canteira Experience, o Celta continúa ampliando as fronteiras de A Canteira e consolidando as súas instalacións como destino formativo internacional. A presenza destes mozos xaponeses é unha mostra do potencial de Celta360 para proxectar o modelo celeste máis alá de Galicia e converter Vigo nun lugar onde futbolistas de diferentes países poidan aprender, medrar e vivir o Celta desde dentro.