


O CD Leganés dirixido por Rubén Albés, técnico vigués con pasado celeste, realizará durante esta semana unha estancia de preparación en Vigo, onde levará a cabo parte da súa pretempada utilizando o Estadio de Barreiro, unha instalación xestionada polo Celta. O conxunto madrileño desenvolverá neste escenario varias sesións de adestramento dentro da súa planificación de cara ao inicio da nova tempada.
A elección das infraestruturas do Celta como sede deste training camp reforza o posicionamento do club vigués como referente galego na xestión de instalacións deportivas e na acollida de equipos profesionais que buscan unha contorna axeitada para preparar a tempada. Con iniciativas como esta, o club continúa poñendo en valor a calidade das súas infraestruturas e a súa capacidade para ofrecer servizos adaptados ás necesidades do fútbol de alto nivel.
O caso do CD Leganés reforza a estratexia que está a desenvolver o Celta para converter o ecosistema Celta360 nun motor de desenvolvemento económico baseado no arrendamento de instalacións destinadas a acoller estadías temporais de equipos profesionais.