


O proxecto Celta360 continúa dando pasos firmes cara á súa consolidación como o complexo deportivo, educativo e de innovación de referencia en Galicia. Co obxectivo de coñecer de primeira man o avance das obras, as instalacións recibiron este martes a visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, quen percorreron as diferentes áreas do complexo acompañados pola presidenta do Celta, Marián Mouriño, e polo director de infraestruturas e relacións institucionais do club vigués, Carlos Cao.
Ao remate do percorrido, a presidenta do Celta, Marián Mouriño, destacou a importancia de amosar os avances acadados ás principais institucións vinculadas ao proxecto. “Vense os avances e queriamos amosárllelos ao presidente da Xunta, ao reitor da Universidade de Vigo e á alcaldesa de Mos”, sinalou. Marián Mouriño tamén puxo en valor o recoñecemento recibido recentemente por parte de LALIGA, entidade que eloxiou, en palabras do seu presidente Javier Tebas, a exemplaridade en materia de sustentabilidade do proxecto, e lembrou a relevancia que terá Celta360 no contexto do Mundial 2030, xa que o complexo será subsede da cita mundialista e nel “hospedaranse unha ou dúas seleccións durante o transcurso do torneo”, tal e como recoñeceu a presidenta da entidade celeste.
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, agradeceu a invitación e lembrou as primeiras conversas mantidas anos atrás sobre a viabilidade da iniciativa. “Lembro cando falabamos con Carlos Mouriño do que podía supoñer este proxecto se se convertía en realidade, e hoxe xa estamos vendo que é unha realidade”, afirmou. Rueda destacou que Celta360 é un proxecto que “interesa a toda Galicia” e puxo especial énfase na súa dimensión educativa, subliñando que contribuirá ao desenvolvemento da mocidade e que moitas das actividades e iniciativas que albergará serán innovadoras e servirán de referencia a nivel europeo.
Desde o Celta continuarase impulsando este tipo de visitas de diferentes entidades durante os vindeiros meses, co obxectivo de achegar o proxecto a todos aqueles organismos e colectivos interesados en coñecer de primeira man a evolución dunha iniciativa chamada a marcar un antes e un despois no desenvolvemento deportivo, educativo e social de Galicia.