

O Celta segue potenciando a súa actividade dentro do ecosistema Celta360 no seu afán de ofrecer as súas infraestruturas para stages deportivos de alto nivel. Nese contexto, e tras o partido da UEFA Europa League que se disputou onte en ABANCA Balaídos, o Olympique Lyonnais utilizou as instalacións de Afouteza para completar varias sesións de traballo antes de regresar a Francia.
Durante a súa estadía, tamén houbo espazo para un xesto institucional que simboliza a boa relación entre ambas entidades. Fernando Iturbe, responsable de desenvolvemento de negocio de Celta360, exerceu de anfitrión para posar xunto a Michael Gerlinger, director xeral do club francés, e intercambiar as camisetas asinadas dos seus respectivos equipos.
Para o Celta foi unha satisfacción poder acoller un club tan prestixioso a nivel europeo como o OL e comprobar que marcharon moi satisfeitos co que atoparon aquí. Desde a entidade celeste quérese destacar e agradecer especialmente a actitude profesional e o trato próximo mostrado por todo o persoal do Olympique Lyonnais durante a súa estancia.
A visita supón un impulso máis para a proxección internacional de Celta360 e para o posicionamento das nosas instalacións como un enclave de referencia dentro do fútbol profesional europeo.